Wednesday 08 de May de 2024

Bergondo reforza con 22.000 euros en axudas o seu apoio ás entidades sen ánimo de lucro do municipio


· O prazo para concorrer á convocatoria estará aberto desde mañá, venres 27 de maio, e finaliza o próximo 15 de xuño.

O Concello de Bergondo busca apoiar as actividades das entidades sen ánimo de lucro do municipio a través da convocatoria de subvencións. Para iso este ano destina 22.000 euros, 4.000 euros máis que no exercicio anterior, para fomentar os programas de tipo cultural, deportivo, formativo ou xuvenil que desenvolvan as asociacións bergondesas.

Cada entidade poderá recibir un máximo de 3.000 euros de axuda e é requisito para optar a elas estar no Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais ( REMAV) do Concello de Bergondo, ou polo menos ter feita a solicitude para a inclusión en data anterior á solicitude de subvención.

As actividades que é posible incluír na solicitude van desde a dinamización xuvenil de Bergondo, a promoción ou recuperación da cultura ou historia, o fomento de artes plásticas, audiovisuais, musicais ou escénicas, a promoción do deporte e exercicio físico, a realización de actividades que fomenten a conciliación familiar e laboral e os gastos en materiais de prevención da COVID-19.

O prazo para concorrer á convocatoria estará aberto desde mañá, venres 27 de maio, ata o próximo 15 de xuño. As entidades poden descargarse todos os impresos necesarios na web municipal, www.bergondo.es e é obrigatorio presentalos vía telemática a través da Sede electrónica ou do Rexistro Electrónico Común.

O goberno local móstrase convencido do interese xeral que supoñen os
programas das asociacións para os veciños, con programacións que
complementan á propia oferta municipal e do resto de administracións públicas.